Entrevista con Juan Eiras, músico

¿É esta a túa primeira incursión no cine?
Non. Anteriormente tiven a oportunidade de traballar con Mara Gutiérrez no seu documental “Camiños de busca” (Mara Producións, 1999) e con Carlos Davila no filme “Antonio Palacios, o galego que construíu Madrid” (Mass Visual, 2007).
Este corto documental fala das experiencias vitais dun fareiro que vive nunha illa despoboada que, paradoxicamente, está fronte a unha costa superpoboada. ¿Ves algo de ti nesta personaxe?
O certo é que si. Ese illamento físico do mundo exterior ao que está sometido Julio, é algo común aos creadores e tamén a todo proceso creativo.
Os compositores, e por extensión os artistas, de cotío temos que ser quen de desconectar do mundo e procurar unha soidade, no noso caso voluntaria, que nos permita reflexionar sen interrupcións.
É unha forma de conseguir certa independencia e perspectiva sobre cuestións estéticas, filosóficas, musicais, etc.
¿Como foi a túa chegada á película, antes ou despois da rodaxe?

 

Foi posterior. É moi habitual na industria cinematográfica que os compositores sexamos os últimos en chegar.
Aínda que hai diferentes métodos de traballo, polo xeral precisamos ter a película o máis definida posible para poder sincronizar a imaxe coa música. En certo modo, o compositor é o encargado de vestir o filme; de caracterizar e profundar na psicoloxía das personaxes.
Tamén é certo que ter a montaxe axuda a comprender mellor a idea creativa do director e capturar a esencia das escenas.
Eu dende logo prefir o traballar sobre a imaxe e non ao revés, que o director faga a montaxe sobre unha música escrita con anterioridade. É máis difícil, por cuestións obvias de rixidez estrutural, pero ao mesmo tempo permite unha maior liberdade creativa.

 

¿Como afrontáchela escrita do tema musical de Julio?

 

Foi un proceso moi natural, orgánico. A primeira aproximación foi a través de Salva, o director. Poderiamos describila como unha «fase dialéctica», onde comentamos o proxecto, a rodaxe, estésticas, a tipoloxía dos planos, o ritmo, etc. Cuestións técnicas, pero dende unha visión de arte.
O seguinte paso foi ver a película como un espectador máis.
Saboreando cada plano, centrándome na historia, na narratoloxía…  Aínda que enseguida comezaron a xurdir ideas e en pouco tempo xa estaba diante do piano.
Non foi un proceso demasiado complicado, porque Julio é un home dunha gran personalidade que inunda coa súavitalidade e sabedoría introspectiva todas as escenas nas que participa. É moi doado traballar con el porque transmite a través da pantalla.
Apenas hai que forzalo.

 

¿Pódesnos falar de como a música acompaña a evolución dramática da personaxe ao longo do arco narrativo da película?

 

Ao ser un filme de curta duración, non quería escribir unha banda sonora onde a música fose un elemento invasivo, cargante ou que desviasea atención dos espectadores.
Isto obrigoume a utilizar uns materiais moi concretos, sen posibilidade de especular con eles e tamén foi clave na elección dos timbres e rexistros do acordeón.
Decidinme pola técnica wagneriana do leitmotiv, que consiste en asignar un tema musical a unha personaxe. A medida que a película avanza, o tema vaise transformando pero sen perder a propia personalidade.
O filme comeza co tema de Julio e nas diferentes escenas aparecen transformacións como a pasaxe de terceiras paralelas, que nos recorda ás sonoridades mariñeiras que son tan comúns nas músicas populares; o tema cunha transformación modal para transmitir cambios no estado de ánimo; o tema cun contrapunto a dúas voces, que simboliza por unha parte a Julio – a melodía principal – e por outra á illa de Sálvora e á súa entorna …
En fin, toda unha serie de recursos que pretenden enfatizar os diferentes estados de ánimo polos que atravesa Julio, o fareiro, ao longo da película.

 

¿Volveremos a escoitarte pronto noutra película?

 

¡Esperemos que si! Pero xa non depende de min.

 

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *